Serra do Careón

Serra-do-Careon-1

Código do LIC
ES1110014

Situación

Esquina sudoriental da provincia da Coruña. Pertence na súa maior parte á comarca de Terra de Melide, con pequenas áreas marxinais das da Ulloa e Lugo. Localidades de referencia: Souto, Melide e Agro do Chao.

Concellos
Toques, Melide, Santiso, Friol, Palas de Rei.

Superficie
6.567,87 ha.

Outras figuras de protección
Zona de Especial Protección dos Valores Naturais.

Accesos

Os accesos principais son a estrada N-547, desde Santiago ou desde Lugo (por Guntín de Pallares e Palas de Rei), e a C-540 desde A Coruña (por Betanzos). Outros accesos polo norte do espazo natural son as estradas AC-233 (Sobrado-Friol), desviándonos por Brañas e Paradela ata Melide pola C-4604, e a C-8002 (Sobrado-Melide), que pasa por Santo Antolín de Toques camiño de Melide. Para chegar á serra do Careón propiamente dita poden tomarse diferentes desvíos en Melide, Furelos ou Palas de Rei.

Descrición

Serra do Careón e subconcas dos ríos Furelos e Seco, que se estende ata o río Tambre polo sur, na súa maior parte dentro dos termos municipais de Toques, Melide e Santiso. Área dun grande interese xeolóxico e dunha excepcional relevancia botánica. O rango altitudinal vai dos 320 aos 798 m s.n.m., cunha media de 550 m.

A serra do Careón, pertencente á Dorsal Galega, é un pequeno cordal montañoso de perfil en chanzos e amesetado e relevos suaves, cuxa máxima altitude non alcanza os 800 m s.n.m. (O Careón, 798 m; Pena Armada, 760 m) e está cuberto por extensas áreas de matogueira. O río Furelos, afluente do Ulla, xuntamente cos numerosos pequenos afluentes da súa cabeceira, que nacen tanto nos montes do Bocelo como no Careón, presenta unha baixa sinuosidade e un caudal considerable (media anual de 6,36 m3/seg). Desde este río esténdese, sobre todo cara ao sueste de Melide, unha ampla chaira de nivel aquitaniano. Esta chaira sitúase sobre un substrato pétreo de gran dureza, responsable desta morfoloxía chá, que se conservou ata hoxe sen verse afectada por movementos tectónicos. A área, coñecida como “Gándaras de Melide” está cuberta tamén por amplas matogueiras variablemente higrófilas.

A elevada singularidade da área reside no substrato litolóxico, que constitúe o afloramento de rochas ultrabásicas máis extenso do noroeste ibérico, esténdese entre o sur de Melide e os arredores de Sobrado. A área está atravesada por masivas pero complexas bandas de anfibolitas, rochas ultrabásicas serpentinizadas e rochas metabásicas en facies granulítica, que son substituídas por gneis de biotita máis ao oeste do espazo natural. Parte da área foi incluída polo Instituto Geológico y Minero de España no rexistro de Puntos de Interese Xeolóxico, e constitúe o PIG C-17 (“Pregamentos tombados no complexo ultrabásico de Melide”), rasaltándose a aparición de rochas ultrabásicas serpentinizadas, anfibolitas en flocos e anfibolitas granatíferas, así como a existencia dos pregamentos en rochas deste tipo e a singular tectónica.

A área pertence á rexión eurosiberiana, provincia atlántica-europea e subprovincia cántabro-atlántica, e adscríbese ao sector galaico-portugués. Dominio climático oceánico continental, cunha precipitación media de 1.629 mm, concentrada entre os meses de decembro e febreiro, e unha temperatura media de 10,8 ºC.

Hábitats

Hábitats de interese comunitario (incluidos no Anexo I da Directiva 92/43/CEE) presentes no LIC:

  • Estanques temporais mediterráneos.
  • Uceiras húmidas atlánticas de zonas mornas de Erica ciliaris e Erica tetralix.
  • Uceiras secas europeas.
  • Uceiras oromediterráneas endémicas con toxo.
  • Rochedos silíceos con vexetación pioneira do Sedo-Scleranthion ou do Sedo albi-Veronicion dillenii.
  • Bosques aluviais de Alnus glutinosa e Fraxinus excelsior (Alno-Padion, Alnion incanae, Salicion albae).
  • Carballeiras galaico-portuguesas con Quercus robur e Quercus pyrenaica.

Flora e vexetación

Pastizal.

O efecto tóxico producido nos solos pola elevada concentración de metais pesados das rochas ultrabásicas, entre outras causas, foi un factor moi selectivo sobre a vexetación, fomentando a especialización e determinando que a área sexa un dos centros de endemicidade máis importantes da Península. Así, o LIC posúe unha excepcional relevancia no ámbito galego polo gran número de endemismos serpentinícolas e taxons raros na Comunidade Autónoma e por albergar algunhas plantas, que á parte de ser endemismos estritos desta zona, encóntranse claramente ameazadas a escala estatal, como é o caso de Armeria merinoi, Santolina melidensis e Leucanthemum gallaecicum, as dúas primeiras en perigo crítico de extinción. Outros interesantes serpentinófitos máis ou menos estritos, aínda que menos comprometidos, son Alyssum guitianae, Anthyllis melidensis, Asplenium adiantum-nigrum var. corunnense, Centaurea janeri subsp. gallaecica, Euphorbia exigua subsp. merinoi, Koeleria crassipes, Phleum pratensis subsp. bertolonii, Plantago serpentina, Sagina merinoi, Santolina melidensis, Sedum villosum subsp. aristatum ou Thlaspi oligospermum. Ademais, un bo número de taxons teñen na área as súas únicas ou case únicas poboacións galegas coñecidas, como é o caso de Aster aragonensis, Erica scoparia, Narcissus conspicuus ou Seseli montanum subsp. montanum. A umbelífera Eryngium viviparum, tamén en perigo en España, propia de encharcamentos de carácter temporal, mantén un pequeno núcleo nos arredores de Melide.

Serra-do-Careon-2

As matogueiras ocupan dúas terceiras partes da superficie cuberta por hábitats de interese europeo no LIC, dominando tanto nos cumios e ladeiras do Careón como nas chairas e outeiros da parte sur do espazo natural. A subasociación ericetosum vagantis da asociación Ulici europaei-Ericetum cinereae e a asociación Ulici europaei-Ericetum scopariae, de maior termofilia, nas que entran os breixos Erica vagans e Erica scoparia, son tamén propias de substratos ultrabásicos e típicas da zona. As xesteiras de Cytisus striatus e as uceiras higrófilas de Erica tetralix e Erica ciliaris tamén están ben representadas, orlando depresións higroturbosas aquí e alá. Os prados inundables turberosos, a vexetación anfibia de solos temporalmente encharcados e os pasteiros pioneiros sobre solos serpentínicos esqueléticos son outros hábitats de gran significado no LIC, onde concorren a maior parte dos endemismos citados antes.

A vexetación arbórea, secularmente explotada e substituída en parte por plantacións forestais de piñeiros, cobre unha escasa superficie. Con todo, é posible encontrar algunhas manchas apreciables da fraga ou bosque climácico galaico-portugués (asociación Rusco aculeati-Quercetum roboris), caracterizada polo carballo común (Quercus robur) acompañado de acivros (Ilex aquifolium), sanguiños (Frangula alnus), etc., e que se enriquece, sobre todo na área máis termófila do sur do LIC coa sobreira, Quercus suber. As ribeiras dos ríos, por outra banda, están flanqueadas en boa parte polo bosque-galería ripario (asociación Senecio bayonensis-Alnetum glutinosae).

Fauna

Cegoña branca (Ciconia ciconia).

Entre os invertebrados ameazados en Europa e incluídos no anexo II da Directiva hábitats están presentes no LIC o caracol (Elona quimperiana), o ropalócero (Euphydrias aurinia) e a moito máis común vacaloura (Lucanus cervus).

Ademais da troita común (Salmo trutta fario), tres peixes continentais endémicos de interese, a boga do Douro (Chondrostoma duriense), a boga (Chondrostoma arcasii), e a anguía (Anguilla anguilla), habitan nas augas da subconca do Furelos.

Trece especies de anfibios e 9 de réptiles compoñen a herpetofauna do LIC. Entre os endemismos noroccidentais ibéricos da área é preciso citar a píntega rabilonga (Chioglossa lusitanica), e o lagarto das silveiras (Lacerta schreiberi), incluídos no anexo II da Directiva hábitats. Con eles encóntranse o limpafontes ou tritón ibérico (Lissotriton boscai), a ra patilonga (Rana iberica), e a ra vermella cántabro-galaica (Rana temporaria subsp. parvipalmata), tamén endémicos da península Ibérica, e algúns elementos eurosiberianos, como o tritón palmeado (Lissotriton helveticus).

Entre a avifauna é de subliñar especialmente a existencia dunha interesante poboación nidificante de tartaraña cincenta (Circus pygargus), a recente cría da cegoña branca (Ciconia ciconia) (única na provincia da Coruña), e a presenza en verán e outono do sisón (Tetrax tetrax), pequena avetarda que polo menos ata hai uns anos se reproducía no Careón, o mesmo que a infrecuente pica campestre (Anthus campestris). A aguia cobreira europea (Circaetus gallicus), o azor (Accipiter gentilis), o gabián (Accipiter nisus), o lagarteiro ou peneireiro (Falco tinnunculus), o falcón pequeno (Falco subbuteo), e o falcón peregrino (Falco peregrinus), son outras rapaces observadas na área. O picapeixe (Alcedo atthis), o merlo rieiro (Cinclus cinclus), e a lavandeira real (Motacilla cinerea), habitan nos leitos fluviais. Ademais das tartarañas e outras rapaces, as áreas de matogueira acollen unha comunidade moi característica, na que se dá unha interesante mestura de elementos mediterráneos e eurosiberianos, como son a noitarega ou avenoiteira cincenta (Caprimulgus europaeus), a cotovía (Lullula arborea), a pica das árbores (Anthus trivialis), a papuxa do mato (Sylvia undata), o picanzo vermello (Lanius collurio), e o escribente amarelo (Emberiza citrinella).

Compoñentes destacados da fauna de mamíferos son o desmán ibérico (Galemys pyrenaicus), e a lontra (Lutra lutra). Tamén están inventariados o armiño (Mustela erminea), o tourón (Mustela putorius), a garduña (Martes foina), a lebre ibérica (Lepus granatensis), o corzo (Capreolus capreolus), e o xabaril (Sus scrofa). Presenza regular de lobo (Canis lupus).

Leave a Comment